Monday 20 de May de 2024

Máis de 40 participantes déronse cita esta fin de semana no XVII Campionato Galego de Cetrería


É a terceira vez consecutiva que se celebra no Mesón do Vento. Óscar López, en altanería; Ramón Ferreiro, en Harris; Ignacio Orge, en azores; e Laura Vázquez, en pequenas aves foron os primeiros clasificados en cada unha das categorías que se disputaron

Un ano máis púxose de manifesto que o Mesón do Vento é lugar idóneo para a celebración de eventos cinexéticos e competicións de cetrería. O XVII Campionato Galego de Cetrería, cuxo programa arrancou o pasado venres e clausurouse esta tarde, congregou a un bo número de afeccionados e profesionais desta actividade.

Os nomes propios que destacaron nesta nova edición, a terceira que se celebra na parroquia de San Pedro de Ardemil de maneira consecutiva, foron: Óscar López, en altanería; Ramón Ferreiro, en Harris; Ignacio Orge, en azores; e Laura Vázquez en pequenas aves. Os encargados de entregarlles os seus trofeos, ademais das acreditacións aos catro novos Cetreiros do Camiño, foron: Ana Soneira e Pablo Vázquez, alcaldesa en funcións e edil do Concello de Ordes; e Antonio del Río Viqueira, secretario da Federación de Caza da Coruña.

En total contabilizáronse máis de 40 competidores chegados non só de distintos puntos de Galicia senón tamén doutras zonas como Asturias, León ou Valladolid. Os organizadores desta proba, tanto a Federación Galega de Caza como a Sociedade Galega de Cetrería, agradeceron a elección de Adrián González de presentar o pasado venres na Casa da Cultura ordense o seu documental ‘Comercio de falcóns nos Emiratos Árabes’. Tamén agradeceron o apoio brindado polo Concello de Ordes, a Sociedade Deportiva O Gatillo, Deporte Galego, Galicia Saudable e Mutuasport na posta en marcha e celebración deste campionato.